Esquecemento

Boto de menos doblala roupa aínda quente do teu corpo sobre a nosa cama. Ir descubrindo as tuas pegadas polo piso, os cinceiros cheos, os caixons baleiros e todalas follas de libros coas esquinas dobradas  para non perder o fío da historia ó retomala.

Esquecín ós poucos todo o que fuches, deixei de ter saudade de ti para  tela únicamente das rutinas, das sensacións ailladas que pouco ou nada teñen que ver contigo como home concreto. Do que eras verdadeiramente ti, só quedan xa uns mocasines gastados e aquel prato desdentado e sen lustre que agora uso para que mexen por el as plantas da terraza.

o poder da (nosa) realidade

Alguén veulle co conto no patio. Que din que Papa Noel e os Reis non existen. Quedouse parada, tan pasmada como se le dixeran naquel  intre que a mestra ou o seu irmán eran de mentira. Non podía ser, imposible. Pronto atopou a explicación. 

O mentirán que lle dixera eso portábase mal a cotío na escola, e os seus pais, por non deixalo sen regalos, de seguro lle compraban eles algo. A nena quedouse unha vez máis sorprendida polo moito que ós que non merecen os regalos do Nadal fan por lle amargar as festas aos outros.

Comezo

Eu antes tiña outra vida, aínda que eso agora xa non importa moito. Vivín clandestina durante anos, finxindo ser outra. Alguén máis listo, máis axeitado, mellor persoa e cos zapatos sempre impecables.

O extraordinario que ten o destino é que non se cansa de agardar. Séntase tranquiliño, facendo punto ou pode que encrucillados, bota unha sesta de cando en vez, espreguízase, escoita os partidos de fútbol pola radio ou mesmo vai ó bar xogar un dominó, pero endexamáis se nos afasta demasiado.

Entón, cando pensa un que estará a salvo coa sua manta tecida de contos para durmir abrigándolle nos pes, aparece a realidade, farta de tanta historia, e tira do cobertor, dos disfraces e das caretas e monicreques todos que poidan usarse para agochar as verdadeiras intencións.

No meu caso, veu e miroume ós ollos para me preguntar algo do que ámbolos dous sabíamos xa a resposta dende fai tempo.

E por iso estou aquí. Tede paciencia comigo. Estou a penas comezando a vivir.

Olark Livehelp